O Consello da Muller traslada á Audiencia as concentracións de repulsa da violencia de xénero

130

Nesta semana reuniuse a Mesa contra a violencia de xénero así como o Consello das Mulleres, das que se tiraron as seguintes conclusións e acordos, segundo explicou esta mañá a concelleira de Muller, Carme Fouces.

A concelleira explicou que será preciso volver a insistir ante xulgados e a Fiscalía para que participen na Mesa contra a violencia de xénero, a pesar de que declinaron a súa inclusión nesta mesa para manter a imparcialidade nos asuntos que tratan.

Tamén destacou que existe a visión de todos os axentes implicados na loita contra a violencia de que nos últimos tempos se relaxou a interpretación legal das denuncias, xa que aspectos que antes estaban tipificados como delito agora están considerados faltas, por exemplo.

A mesa da violencia tamén detectou que existe unha maior concienciación social a raíz dos últimos acontecementos de violencia de xénero ocorridos en toda España. De feito no mes de agosto ditáronse 12 ordenes de protección e alonxamento, dun total de 76 que hai en vigor no que vai de ano. Ademais, en todo o partido xudicial de Pontevedra hai arredor de 200 ordes de protección e alonxamento.

Finalmente, acordouse deseñar un protocolo de actuación no que estean implicados todos os axentes que traballan no eido da violencia de xénero, xa que na actualidade non hai sinerxías que os unan. Este protocolo tamén permitirá ás vítimas saber como se vai desenvolver o seu procedemento e os pasos que debe dar.

         O Consello da Muller

            No Consello de Muller déuselle a benvida á asociación Mulleres en pé, que se creou o pasado ano, e tamén se acordou trasladar as concentracións de repulsa das vítimas de violencia de xénero á praza da Audiencia porque é máis visible e socialmente coñecida, así como para “dicirlle á xustiza que precisamos da súa colaboración para que isto non avance máis”, segundo explicou esta mañá a concelleira de Igualdade. Para que estas convocatorias se espallen pola poboación e sexan máis coñecidas, farase a través das redes sociais que se están a montar.

            No Consello da Muller tamén se abordou os actos a celebrar na vindeira xornada do 25 de novembro contra a violencia de xénero. Encargóuselles ao Consello das Mulleres Novas, integrado neste Consello, a planificación da campaña, que o fará en colaboración coa asociación Bruxas e bolboretas, da Universidade de Vigo, que estarán en contacto cos creativos que están a crear a campaña deste ano.

            Tamén se presentará un estudo que está a realizar a Uned sobre a percepción da violencia por parte dos alumnado así como o tratamento que se ofrece ás vítimas.

            Está prevista a actuación da Aula de Teatro de Igualdade, e unha conferencia sobre a violencia de xénero con persoas de prestixio.