Empresa e creatividade, Pontevedra ten un puntazo

372

Pontevedra ten un puntazo é un programa das áreas de Promoción Económica e Cultura para a conexión e posta en valor e promoción das empresas locais que traballan no eido da cultura e da creación.

“Pontevedra é unha cidade alternativa, dinámica e innovadora en nela medran diferentes fenómenos empresarias e comerciais que tamén retratan a nosa singularidade” apunta a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías quen presentou o programa acompañada da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e José González, exemplo de empresario que no seu negocio – unha tenda de roupa con selo discográfico propio- vai máis alá da procura dun beneficio económico.

Unha diagnose feita polo departamento municipal de Promoción Económica permitiu detectar que na cidade hai moitas empresas e iniciativas emprendedoras no ámbito da creatividade e da cultura que non teñen visibilidade, illadas ou con escasa interrelación entre elas. Combater e reverter esta situación é o obxectivo de Pontevedra ten un puntazo. “Estas empresas son moi importantes para nós, non so, porque xeran e producen emprego senón porque os resultados da súa actividade deixan unha impronta positiva na cidade: o beneficio colectivo. Empresas que traballan cun obxectivo social son imprescindíbeis para construírmos unha cidade diferente con formas de produción e de relación alternativas. “ subliña Anabel Gulías.

As tres primeiras acción específicas xa están deseñadas: a creación e visibilización do Foro Pontevedra ten un puntazo, que mañá celebrará unha primeira xuntanza na Casa da Luz, onde estará a súa sede; a creación do catálogo de empresas culturais do concello e a accions e difusión das mesmas. Para este último apartado Culturgal será o escenario idóneo para achegar ás iniciativas empresarias.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, adiantou que “todas as empresas que participen no programa Pontevedra ten un puntazo terán cabida en Culturgal”, no espazo do Concello na feira de industrias culturais de Galiza. En Culturgal habilitarase un espazo de traballo para as empresa locais e durante tres xornadas combinarán o traballo en directo cunha parte expositiva.