O Concello de Pontevedra dirixirase á Congregación de Las Hermanitas de los Ancianos Desamparados para pedirlles que, chegado o caso, poñan a dispor das persoas refuxiadas as instalacións do vello Asilo. O centro pechado desde hai tres anos está en boas condicións de uso e precisaríanse dúas plantas: a de servizos comúns e unha para aloxamento. Pola súa parte a administración local faríase cargo dos gastos correntes e do custe das posíbeis reparacións que houbera que facer polo uso.
A proposta sae da reunión mantida hoxe pola concelleira de Benestar Social, Carmean Fouces, coas organizacións da Redeaxuda co fin de falar sobre os refuxiados que están ás portas de Europa. Na sesión de traballo, celebrada na Casazul, estaban as seguintes entidades: Caritas, Club de Leones, Comedor San Francisco, Meniños, Rexurdir provincial, Secretariado Xitano e Calor e Café.
Carmen Fouces agarda unha resposta positiva da congregación relixiosa, “apelamos a súa xenerosidade e valores cristiás”, di a concelleira. Porén trabállase nun plan B para acoller a hipotética chegada de refuxiados – de entre 20 e un máximo de 30 persoas-. Contactaron coa Deputación para coñecer a dispoñibilidade de uso dalgún piso baleiro na Cidade Infantil “Príncipe Felipe”.
O aloxamento sería un dos piares do plan de traballo de Redeaxuda. Outro é o deseño de accións de acompañamento -idiomático, de tramitacións administrativas, escolarización, atención sanitaria, integración na cidade…- e o terceiro sería a coordinación dun voluntariado de apoio loxístico e persoal.
Carmen Fouces subliñou que desde a Redeaxuda rexéitase “o minifundismo” na atención ós refuxiados e reivindícase un plan coordinado de actuación cando menos a nivel Xunta, “gánase en efectividade e abarata custes”.