Os veciños apoian a reforma da rúa Os Campos con lombos

116

A veciñanza aplaude a reforma da rúa dos Campos proposta polo Concello de Pontevedra para mellorar a accesibilidade e garantir a seguranza viaria na zona, que inclúe seis pasos de peóns elevados (lombos).

A antiga Escola Infantil dos Campos acolleu unha asemblea veciñal convocada polo concelleiro de Obras e Mobilidade, Luís Bará, co fin de explicarlles ós veciños o proxecto de reforma, consensuado e xa adxudicado, e tratar con eles a moción aprobada no último Pleno pola oposición para habilitar tres vías sanitarias libres de lombos de acceso ao Hospital Montecelo, unha delas polo trazado dos Campos.

Os máis dos veciños e veciñas presentes, unha trintena, deixaron claro que non queren un corredor sen lombos polo seu barrio pois temen que se converta nunha pista de carreiras e que queren os lombos ao entender que son a única medida que realmente calma o tráfico.

Até a asemblea achegáronse varios concelleiros da oposición que defenderon a moción aprobada no pleno. Estiveron Agustín Fernández e Iván Puentes do PSdeG-PSOE, José Luis Martín e César Abal do PP e María Rey de Ciudadanos.