Pontevedra entra no mes Hefesto da man dos medios de comunicación da cidade

191

O Concello de Pontevedra entra no mes Hefesto. Durante este mes, todas as entidades colaboradoras con este programa da Concellaría de Benestar Social Municipal amosarán os traballos que levan realizando ao longo de todo este ano cos medios de comunicación, xa que o Hefesto de 2016 está adicado aos medios de comunicación. Cabe lembrar que o programa Hefesto pretende amosar unha nova imaxe das persoas con diversidade funcional e a través do programa realízanse actividades innovadoras e incursións en áreas que non son habituais para este colectivo.

Os membros de Hefesto colaboraron cos seguintes medios realizando diversos traballos:

  • Radio Pontevedra: Vermut con Ser e Aparición de Jingles
  • Onda Cero: colaboración nun informativo
  • Cope: creación e lectura dunha radionovela
  • Diario de Pontevedra: suplemento dominical
  • Faro de Vigo: publicación dun artigo de opinión
  • Voz de Galicia: publicación dun artigo de opinión
  • Pontevedraviva: intervención en edición dixital
  • Reporteiros gráficos: acompañamento nunha xornada de traballo

O traballo de Hefesto durante estes meses previos está sendo coordinado por un grupo de profesionais que están a elaborar unha unidade didáctica destinada a centros de ensino, e conta coa colaboración da área de Comunicación Audiovisual e Publicidade do Campus de Pontevedra.

Todas estas intervencións véñense gravando para crear un vídeo que se emitirá o vindeiro 3 de decembro, ás 20.00 horas no Teatro Principal onde se celebrará o Día Internacional das persoas con discapacidade.

O programa Hefesto está integrado polas asociacións: Amizade, Down-Pontevedra Xuntos, Juan XXIII, Alba, Amencer-Aspace, Asociación de Xordos de Pontevedra “Río Lérez” e ASSEII.