O Concello e Sogama acordan por fin a anos de pleitos xudiciais polo canon do lixo

119

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o convenio de pagamento da débeda entre o Concello de Pontevedra e Sogama a data 31 de decembro de 2014, e que se asinará a mediados de semana. Segundo explicou o portavoz do Goberno, Raimundo González logo dun longo periplo xudicial, a asesoría xurídica do Concello recomendou ao Goberno ao pago da débeda porque distintas sentenzas non recoñecían a singularidade da cláusula de renovación do contrato.

Ante esta situación o acordo ao que se chegou con Sogama foi o pago de 4.729.000 euros máis 321.000 euros de intereses, o que fal un total de 5.051.063,53 euros. Os pagos realizaránse do seguinte xeito:

  • Antes do 30 de novembro: 2.866.736,54 euros
  • Antes do 30 de marzo: 1.157.514,80 euros
  • Antes do 30 de xuño: 1.206.812,19 euros

Logo da aprobación por parte da Xunta de Goberno, pasóuselle a documentación aos grupos da oposición tal e como se acordara nunha Xunta de portavoces anterior.

Raimundo González quixo explicar que “este convenio é bo para o Concello” e lembrou que sempre defendeu os intereses do Concello ao defender a cláusula de revisión do contrato de Sogama que se modificaba segundo o IPC e o custe da enerxía.

Lembrou que a traxectoria xudicial do Concello no caso de Sogama é moi longa e déronse distintas batallas nas que algunhas gañou o Concello (en 2002 o Concello gañou unha sentenza duns 85 millóns de pesetas, tamén gañou o período 2005-2008 duns 2 millóns de euros) e nesta última parte do  proceso que o Concello perdeu en primeira instancia, gañou  no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e, finalmente, perdeu na casación da sentenza solicitada por Sogama.

A pesar de todo isto, o Concello consegue aforrar 817.407,46 euros en intereses xudiciais, e tamén regula a nova situación contractual asumindo o canon único fixado pola empresa. Ademais, antes do 30 de outubro deberá abonar 280.000 euros da débeda deste ano.