O Concello pretende redimensionar algúns parques infantís da cidade como o de Barcelos

248

O Concello de Pontevedra iniciará nestes días a redacción dun informe sobre o estado dos parques infantís e os espazos de lecer do concello para coñecer o seu estado de conservación e fixar as demandas veciñais deste tipo de equipamentos en distintos barrios da cidade.

          Segundo explicou o concelleiro delegado dos parques infantís, Luís Bará, os traballos nestes espazos faranse seguindo catro directrices:

  • Continuar co programa de conservación e mellora dos parques. O último que se realizou foi de 61.000 euros e afectaba 32 parques da zona urbana e do rural.
  • Reordenación, redimensionamento e, de ser o caso, resituación dos parques. O concelleiro indicou que parece claro que é preciso ampliar o parque de Barcelos, e que será o prioritario nesta área de cara ao vindeiro ano.
  • Novos parques e zonas de xogo tendo en conta que hai que darlle a máxima polivalencia dado que hai persoas de distintas idades.
  • Programa de dotación de elementos para nenos con discapacidades en distintos parques infantís.

         O concelleiro tamén adiantou que se está a buscar novos terreos para a instalación de parques biosaudábles para a práctica da educación física e deportiva, xa que é outra demanda dos veciños.