Pontevedra acada un novo recoñecemento internacional en Hong Kong

780

O modelo urbano de Pontevedra acada un novo recoñecemento internacional, o Premio Euro-China á Mobilidade Urbana Intelixente (Euro China Stmart Mobility City Award) na categoría de Deseño Urbano / Planificación urbana, dedicado a experiencias de novas cidades, eco-distritos e zonas de baixas emisións de contaminantes. O premio foi creado pola Fundación (francesa) Prospectiva e Innovación.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, acompañado polo Intendente Principal da Policía Local, Daniel Macenlle, acudirán a recoller o premio en Hong Kong o próximo 24 de Novembro nunha gala enmarcada na Mostra Internacional China da Nova Enerxía, na que tamén serán galardoadas outras 19 cidades europeas e 20 chinesas que destacan pola súa mobilidade intelixente.

Horas antes Pontevedra participará nunha mesa redonda sobre “Urbanismo, novo concepto de cidades”, xunto con dúas urbes francesas -París e Alès- e tres chinesas -Wuhan, Shenzhen e Chengdou- e alí amosará cun vídeo o que é a cidade.
Desde o ano 1999, a cidade está a recuperar espazos públicos para os cidadáns, aumentando as oportunidades de mobilidade para persoas con discapacidade, promovendo a autonomía dos nenos, creando as condicións adecuadas para un estilo de vida saudábel, aumentando a seguranza viaria e a sensación de seguridade, redución nas emisións de gases e contaminación acústica. En definitiva, mellorar a calidade urbana, a calidade de vida na cidade.
Os resultados son visibles e medíbeis:
  • O tráfico diminuíu 30 por cento no conxunto da cidade e 70 por cento no centro
  • Non hai casos mortais debido a accidentes nas zonas reformadas da cidade durante os últimos 11 anos
  • Os nenos van camiñando á escola e xogan tranquilamente nas rúas e prazas
  • A xente camiña pola cidade cun estilo de vida saudable
  • Unha redución do 66% das emisións de CO2 na cidade e unha redución de 88% no centro
  • Unha inversión da expansión urbana
  • Un realmente baixo ruído ambiental
  • Unha recuperación notábel da biodiversidade