Fouces ofrécelle toda a colaboración á Anpa de Barcelos contra a eliminación da aula de infantil

103

A concelleira de Educación, Carmen Fouces mantivo esta mañá un encontro coa diretiva da Asociación de Nais e Pais do CEIP Barcelos polo escrito que lle remitiu en pasadas datas na que solicitaban a intercesión do Concello ante a Consellería pola eliminación dunha das liñas educativas en Infantil.

Carmen Fouces explicou logo da reunión que no encontro existiu unha boa sintonía entre o Concello e a Anpa, quen dirixiu ás súas peticións ao Concello, aínda que comprenderon que non era a administración competente en materia educativa, polo que a súa marxe de intervención é limitada.

De todo os xeitos, a concelleira ofreceuse a “facer o imposible” para evitar que desapareza esa aula de infantil porque “perder a aula supón perder outras moitas cousas como plantel de profesorado como profesores de apoio, etc”

Comprometeuse a trasladarlle á Consellería de Educación a necesidade de recuperar a aula. De feito, o vindeiro 13 de outubro recibirá a un grupo de escolares de Barcelos que lle presentarán un proxecto que elaboraron na aula e feito a través da Fundación Barrié sobre a recuperación da praza de Barcelos