O Concello inviste preto de 245.000 euros en Santo André de Xeve

145

Os veciños e veciñas de Santo André de Xeve coñeceron á nova concelleira da parroquia, Pîlar Comesaña nunha xuntanza celebrada a noite do martes no Tele club. Unha primeira xuntanza na que a edil expúxolles as obras que de inmediato se van a facer na zona, deixando claro que para o Goberno local o rural conta. Agradeceu a boa acollida e dixo que o próximo encontro farase xa no marco do Consello parroquial.

Pilar Comesaña anuncioulles aos presentes no Tele club tres actuacións:

– Acondicionamento e ancheamento da estrada na zona de Filgueira, construción de muros e asfaltado no tramo que vai de Bora ata a panadería.  Custe: 152.941,83 €

– Acondicionamento da zona do parque de Sobral. Asfaltado e arranxo das pistas existentes arredor do parque. Presuposto 90.484,34 €

– Recuperación do camiño antigo tamén na zona de Sobral e desvío de augas.

A reunión convocada pola concelleira delegada de Santo André de Xeve foi un diálogo no que a veciñanza fixo suxestións e propostas que “van a ser tidas en conta”, subliñou Pilar Comesaña quen ve na partipación unha ferramenta esencial para mellorar a parroquia e a calidade de vida dos seus habitantes.

Os veciños e veciñas propuxeron un amplo abano de propostas, sobre as que a concelleira Pilar Comesaña fixo puntualizacións e comprometeu xestións para ver a súa viabilidade. Entre outras, as seguintes:

– A construción dun aparcamento no colexio onde a día de hoxe hai poucas prazas. O terreo é da comunidade de montes polo que para que actúe o Concello e tramite os permisos ante a Xunta, é necesario a cesión previa deses terreos ao Concello.

– Arranxo do camiño de paso dende o Tele club ata a estrada que vai a Bora (o chamado Camiño Real), así como o lavadoiro que está na zoa. Pilar Comesaña avaliará o tema cos técnicos para ver se son bens de titularidade municipal. Se son privados o Concello so pode aportar osmateriais necesarios para que sexan os propietarios os que acometan orranxo.

-Solucionar as filtracións do lavadoiro recentemente arranxado en Sobral.

-Finalización do arranxo do camiño da Loxa.

– Limpeza do campo da Bouza.