O Concello reordenará as zonas verdes e de xogo infantil de Campolongo

166

 

O concelleiro de Obras e Mobilidade e coordinador da Área Urbana, Luís Bará e a concelleira delegada do barrio de Campolongo, Carmen Fouces, reuníronse esta noite cos veciños e veciñas diante da igrexa de San Xosé co fin de achegarlles distintas propostas para a reordenación das zonas verdes e espazos públicos da zona e recoller suxestións e peticións.

O Concello pretende reordenar as actuais zonas verdes e espazos de xogo infantil de Campolongo, mellorar a accesibilidade e seguridade na zona e renovar os equipamentos, servizos e mobiliario urbano, unhas actuacións que quere sacar adiante coa opinión da veciñanza. A reunión enmárcase dentro do plan de participación cidadá que promove o Concello como un dos seus eixos do mandato.

Luís Bará expuxo á veciñanza propostas como a retirada da fonte de fronte da igrexa, a reubicación e ampliación do parque infantil –coñecido como A Seta- ou a retirada dos vellos elementos do parque biosaudábel. Un proxecto que foi moi ben acollido polos asistentes a xuntanza.

Pola súa banda os veciños que asistiron a reunión expuxeron queixas como a falta de auga nas tres fontes públicas da zona, o déficit de papeleiras ou o mal estado do pavimento. Ademais denunciaron dúas situacións que, na súa opinión, requiren unha intervención inmediata do Concello: por unha banda a realización de “botellóns” nas pistas deportivas do colexio de Campolongo e por outra, un problema de convivencia cun indixente que “vive” nos soportais da rúa Augusto García Sánchez. Os concelleiros tomaron nota de todas as aportacións veciñais.