Chega unha nova edición de Pontedetapas

189

Pontevedra vólvese a poñer de tapas nunha nova edición –a oitava- do concurso Pontedetapas, certame organizado pola Concellaría de Promoción Económica co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector da restauración. Ábrese o prazo de inscrición que pechará o próximo 25 de outubro.

O concurso gastronómico adiántase de data e terá lugar do xoves 12 ao domingo 22 de novembro. Serán, pois, 10 días nos que o público poderá degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.

Un xurado profesional composto por persoas do ámbito da hostalaría, o turismo, o xornalismo gastronómico, bloggers, intelectuais ou entidades relacionadas coa promoción enogastronómica, escollerá aos gañadores que obterán como premio, ademais dun diploma e distintivo acreditativo, unha masterclass cun chef de fama.

Por outra banda o público elixirá mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra que será a que compita na segunda edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da comunidade autónoma entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Pontedetapas está aberto aos establecementos de hostalaría do ámbito municipal de Pontevedra que queiran participar. O formulario de inscrición está dispoñible na web www.pontedetapas.eu, na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n) en horario de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico info@pontedetapas.eu.