O Consello parroquial de Salcedo aproba un investimento duns 1,5 millóns

131

A parroquia de Salcedo celebrou onte o seu consello parroquial ao que asistiron representantes de todas entidades da parroquia e o concelleiro delegado, Demetrio Gómez. As obras que se realizarán na parroquia nos vindeiros meses e a próxima inauguración do Centro Social de Salcedo, prevista para este sábado, 17 de outubro, ás 19.00 horas, foron algúns dos temas abordados na reunión. O investimento de todas estas obras achégase ao millón e medio de euros.

Un dos proxectos abordados foi a instalación da rede de auga ao pavillón da parroquia, unha demanda histórica dos veciños. O orzamento este proxecto é duns 129.000 euros, e ten este custe pola súa complexidade debido ás cotas que ten que salvar a canalización de augas. De feito, o Concello pode facer esta obra grazas a un acordo previo acadado coa Xunta de augas e tamén coa Comunidade de montes que permite o paso das canalizacións pola súa propiedade.

Outro dos proxectos que se abordou no Consello parroquial foi o arranxo da estrada do Carballo, dende o Cruceiro (onde está a Casa da Música) até o Carramal, cun orzamento duns 134.000 euros. É unha actuación na que se contempla o arranxo do pavimento, a canalización das augas pluviais, e a construción dun muro de contención no lugar do Carramal.

Este proxecto, que xa figuraba no Plan de parroquia, está en fase de contratación e as obras poderán estar iniciadas e rematadas este mesmo ano.

O terceiro dos asuntos abordados foi o arranxo da contorna do Centro Social -que tivo un custe de 600.000 euros-, o que se denomina a creación do núcleo de centralidade parroquial de Salcedo, xa que neste ámbito atópase o IES Cabanas, CEIP Cabanas, o Centro Social, IES San Martiño, a Casa do Monte, o local de Vaipolorío e a Casa da Música. O orzamento aproximado deste investimento é de 397.000 euros.

A creación do centro de centralidade parroquial farase cun tratamento semellante ao do centro da cidade con prioridade peonil, construción de lombos e limitación de velocidade.

A obra comenzará nunha das portas do cemiterio, pasando pola Casa de Cultura, Casa do monte e praza do centro social, rematando na outra porta do cemiterio. Neste proxecto tamén vai incluído a unión do Centro Social coa parcela cedida pola comunidade de montes, integrando así a praza ao centro para facer espectáculos ao aire libre.