Un simulacro de accidente múltiple con nove feridos abre o Ciclo 0 Violencia Viaria

189

 

 

Avaliar a situación, atender e evacuar a nove persoas feridas, de distinta gravidade, nunha colisión múltiple entre dous vehículos e unha bicicleta na que ían unha muller nova e unha nena. Foi escenario que tiveron que enfrontar os servizos de emerxencia -Policía Local, Bombeiros e O61- no simulacro desenvolvido esta tarde no campus de Pontevedra.

A situación non era doada, xa que a nena quedara debaixo dun coche e non se movía; o condutor e as ocupantes dun vehículo quedaran atrapados e tiñan que ser excarcerados baixo supervisión médica. Os sanitarios habilitaron un hospital de campaña para unha primeira asistencia antes de ser trasladados en ambulancia aos centros sanitarios.

Co simulacro comeza a campaña 0VV! -0 Violencia Viaria -, un ciclo de conferencias e actividades de sensibilización que ten aos universitarios como poboación diana, un amplo colectivo -arredor de 4.000 na cidade- no que abondan os condutores con pouca experiencia, usuarios habituais da bicicleta e todos eles peóns.

É unha iniciativa do Concello de Pontevedra, coordinada polo departamento de Educación Viaria da Policía Local, e conta coa colaboración do Vicerreitorado do Campus de Pontevedra e as Facultades de Ciencias Sociais e Comunicación, Belas Artes e Fisioterapia e a Xefatura Provincial de Tráfico, entre outros.

O ciclo 0VV! desenvolverase a longo de seis mércores, até o 11 de novembro. Incluirá charlas e mesas redonda seguidas de debate nas que participarán expertos en seguranza viaria e un amplo abano de persoas relacionadas dun xeito ou outro coa mobilidade como un membro de Stop Accidentes o unha persoa que estivo no cárcere despois de causar un accidente de coche con vítima mortal, etc.