Remata a obra da estrada do Regueiriño, “prioridade” da veciñanza

149

Concelleiros do Goberno local, da oposición, técnicos municipais e representantes da construtora visitaron a rehabilitada estrada do Regueiriño, en Lourizán. Unha obra que tiña sido declarada “unha prioridade” polo Consello parroquial de Lourizán xa que une a estrada vella de Marín coa estrada provincial que vai de Marín a Figueirido, e é un dos viarios principais e estruturantes da zona, e a partir do cal se accede á maior parte dos núcleos da parte alta da parroquia de Lourizán.

A visita explicativa enmárcase no plan posto en marcha pola Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos para coñecer sobre o terreo as actuacións municipais. O concelleiro Demetrio Gómez, coordinador do Rural e delegado de Lourizán e o seu compañeiro de Goberno, Alberto Oubiña foron os anfitrións da visita na que participaron a concelleira de Ciudadanos, María Rey e os concelleiros do PP, María José Rodríguez Teso, José Luis Martín e Tomás Abeigón.

As explicacións sumáronse varias veciñas e veciños do lugar que agradeceron a obra ao tempo que facían suxestións e propostas para acometer outras melloras.

As obras da última fase de rehabilitación da estrada do Regueiriño comezaran o pasado mes de xullo e supoñen un investimento de 241.2412,32 euros, pechando unha actuación global que roza o millón de euros.

O proxecto de rehabilitación inclúe o fresado de toda a estrada, reposición integral do firme, así como a canalización de todos os servizos, especialmente o das augas pluviais para que non discorreran pola estrada. A última fase, agora rematada, supuxo a renovación do firme, medidas de calmado de tráfico, mellora da accesibilidade, e rede de recollida de augas pluviais.

Este proxecto completarase nun futuro próximo coa rehabilitación estrutural da estrada que baixa cara o lugar da Carballeira.