Pistas deportivas, campos de chave e petanca e outros espazos de lecer no Salgueiral

136

A alcaldesa en funcións, Carme da Silva, e o concelleiro delegado da parroquia de Bora, Alberto Oubiña estiveron onte na Casa da Cultura do Salgueiral en compañía dun grupo de veciños do lugar, unha vez que remataron os traballos de acondicionamento do novo espazo de lecer situado, na traseira da Casa da Cultura. Foron obras que buscaron consolidar este espazo como punto de encontro veciñal e dotalo dunha serie de instalacións deportivas e de lecer demandadas polos veciños do lugar.

Ademais de facer traballos de roza e limpeza da parcela anexa á Casa da Cultura, así como de recollida de augas pluvias e delimitando os espazos, construíuse unha pista polideportiva, sendas pistas de xogo da petanca e da chave, e tamén se instalaron uns elementos de ximnasia para persoas maiores.

O obxectivo desta obra é consolidar este núcleo de centralidade parroquial no Salgueiral, un dos puntos máis alonxados do Concello e que reúne cada fin de semana a case todos os veciños do lugar.