Salcedo inaugura o seu novo Centro Social

175

Os veciños de Salcedo inauguraron esta tarde o seu novo Centro Social nun acto ao que asistiron ducias de persoas. Este centro que tivo un custe de 708.522,74 euros, contribúe a crear o núcleo de centralidade parroquial na zona na que se atopan os colexios, a Casa da Música, a Casa do monte e o novo parque infantil. Tamén está ao carón da igrexa e do cemiterio. O acto estivo presidido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e tamén asistiron os concelleiros Demetrio Gómez -delegado da parroquia-, Pilar Comesaña, Jacobo Moreira, César Abal e Agustín Fernández.

Na inauguración estiveron convidados todos os grupos municipais e todas as agrupacións e colectivos de Salcedo e actuou o dúo de arpa formado por Paula Oanes e Lorena Reinaldo.

O Local ten unha superfice de 650 metros cadrados que inclúe zonas de estancia, reunións, baños, espazo para obradoiros e dúas salas amplas con pareces móbiles que permite crear un espazo de escenario e platea, no coas de darse algunha representación. Ademais, a fachada tamén se abre ao exterior de tal xeito que a platea pode ampliarse ate ter unha capacidade de varios centos de persoas.

O edificio está totalmente equipado con mobles, equipos audiovisuais, informática, electrodomésticos por se fan algún curso de cociña… E tamén está totalmente urbanizado o exterior.

Este proxecto foi negociado dende o primeiro momento co Consello parroquial, e incluíronse as peticións de todos os colectivos que o van usar a partir de mañá.

Pero o Centro Social non é a única inversión que o Concello está a realizar para conformar o núcleo de centralidade parroquial de Salcedo. A reurbanización de toda a contorna dende o cemiterio até a Casa da Música, é outro dos proxectos ambiciosos que se comezará a executar en breve, e terá un custe superior aos 300.000 euros.