Comezan as obras da circunvalación, da autovía A-57

194

Arrancaron dun xeito oficial as obras da autovía A-57 -a circunvalación de Pontevedra-, en concreto as do primeiro tramo, 6,5 quilómetros dende A Ermida a Vilaboa. O alcalde Miguel Fernández Lores acudiu ao acto que estivo presidido pola ministra de Fomento. Ana Pastor dixo que a infraestrutura permitirá a cidade do Lérez deixar de ser a única capital de provincia do Estado sen circunvalación. É unha cuestión de “xustiza social”, engadiu.

Fernández Lores subliñou que o trazado da autovía A-57 que bota a andar, o mais exterior dos considerados, é a mellor alternativa pois “evita tocar núcleos urbanos”. Falou da súa necesidade xa que aliviará os tráficos pesados do centro, canalizará os tráficos do polígono industrial do Campiño e dotará a Pontevedra da circunvalación “unha demanda que fora a primeira reivindicación da manifestación do 5-X, a mais grande rexistrada na cidade” e que se remonta ao ano 1998.

O tramo A Ermida-Vilaboa terá continuidade, en dúas fases, até completar os 21 quilómetros do proxecto que unirá o nó do Curro con Vilaboa. A ministra de Fomento avanzou que no 2016 está previsto licitar e adxudicar o segundo tramo.