2.100 deportistas, inscritos para a Gladiator Race

259

Deporte, aventura, competitividade, afán de superación e diversión van da man na Gladiator Race, que reunirá arredor de 2.100 deportistas en Pontevedra o próximo sábado, 24 de outubro. Unha participación que amosa que a cidade ten no deporte un sinal de identidade.

O xornalista Terio Carrera que conducirá a proba subliña a espectacularidade dun evento deportivo que combina quilómetros e obstáculos e que está baseado en adestramentos militares. É por riba de todo unha competición ”de grupo”, de equipos, engade o xornalista. Trátase da segunda Gladiator Race que se fai en Galiza, despois da celebrada no Monte do Gozo (Santiago) o pasado 27 de xuño.

Serafín Martínez, ex ciclista profesional e organizador da cita, explica que o Gladiator Race de Pontevedra é unha carreira de oito quilómetros na que haberá que superar 28 obstáculos, entre eles, pirámides, paredes verticais, tobogán, etc. Son probas de equilibrio, destreza e resistencia, apunta Serafín Martínez.

A saída da proba estará na avenida de Buenos Aires. Está previsto que o primeiro equipo parta as 12.00 horas e o derradeiro ás 17.00. Sairán cunha cadencia de 20 minutos e en grupos de 180 deportistas. A zona de Tafisa e a Illa das Esculturas serán os espazos polos que transcorra o máis da proba, que rematará cunha festa no recinto feiral.

“En Pontevedra o deporte cada vez gusta máis,” afirma a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro que da a benvida á cidade a unha proba “esixente” e “visualmente moi atractiva” .