O xoves comeza a obra de seguranza e accesibilidade na rúa dos Campos

152

O Concello inicia o xoves, 22 de outubro, os traballos de mellora e de accesibilidade na rúa dos Campos coa poda e tala de diversas especies arbóreas situadas a carón da estrada para permitir a posterior construción de beirarrúas.

Os traballos comezarán as 09.30 horas da mañá e a Policía Local elaborou un pequeno plan de tráfico xa que a rúa dos Campos manterá só un sentido de circulación durante estes traballos, en dirección a Monte Porreiro.

A obra dos Campos que executará a empresa E.C.Casas cun orzamento de 241.120 euros consiste na creación de beirarrúas e pasos de peóns elevados á altura das beirarrúas, mantendo os estándares de calidade e seguridade que existen noutros puntos do rural e en todo o centro urbano.

Tamén se arranxará a senda peonil actual e outras zonas axardinadas, a rede de recollida de augas pluviais e a reordenación do tráfico na glorieta da Uned.

Este lugar dos Campos carece na actualidade de beirarrúas o que dificulta o paso peonil con seguridade pola zona e tamén ten unha grande afluencia de tráfico por ser zona de paso cara o Hospital Montecelo e clave no enlace de distintas comunicacións da provincia de Pontevedra.