“Vía directa”, o proxecto da Fundación Amigos de Galicia para coñecer a demanda laboral local

122

O Concello de Pontevedra vén colaborando dende o 18 de agosto coa axencia de colocación creada pola Fundación Amigos de Galicia que recibiu financiamento para a creación dun programa de orientación laboral que decidiu pór en marcha en Pontevedra. A súa sede é a Casa da Luz e nel traballan dous técnicos.

Dende Servizos Sociais do Concello de Pontevedra remitíronse a 50 persoas para participar neste programa do cal o 60% das persoas non recibían ningún tipo de prestación, o 28% foron perceptores de Risga e o 12% percibían outras axudas. Dende os Servizos Sociais acordouse centrar a escolla das persoas no ámbito familiar das que perciben Risga porque os perceptores de Risga teñen que renunciar a ela cando conseguen un traballo, aínda que sexa de poucos días. En Pontevedra perciben Risga arredor de 180 persoas, aínda que é unha cifra que flutúa no tempo.

Das 50 persoas escollidas, 20 traballaron na vendima e 4 continúan traballando a día de hoxe cun contrato temporal.

Este proxecto rematará no Nadal, pero a partir dese momento a Fundación Amigos de Galicia e o Concello porán en marcha o proxecto “Vía directa”, nos que a Fundación, ademais de facer os itinerarios personalizados de inclusión para as persoas que se envíen dende os Servizos Sociais Municipais, tamén realizarán un mapeo do traballo que se oferta na comarca de Pontevedra.

Unha vez que se coñeza a demanda, é máis fácil dar a formación ás persoas susceptibles de acadar ese traballo. É dicir, se se van solicitar repoñedores no Nadal -por exemplo-, darase a formación específica.

Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social Municipal, explicou que “o Concello está facendo los labores do Inem”, dado que o propio Inem ten recoñecido que só coloca ao 1,9% da poboación parada de España.