Comeza a obra dos Campos coa que o Concello supera o medio millón investidos dende o verán en Monte Porreiro

120

O Concello de Pontevedra iniciou esta mañá os traballos de mellora da seguranza viaria e accesibilidade na rúa dos Campos que en palabras do concelleiro de Obras, Luís Bará “era unha obra moi esperada e demandada, e a rúa necesitaba unha reforma urxentemente”. Con esta reforma, o Concello investiu no barrio de Monte Porreiro máis de medio millón de euros dende o verán.

A obra implantará medidas de seguranza viaria, calmado de tráfico e accesibilidade, e conseguirase coa creación de beirarrúas en ambos sentidos -nos tramos que permita o ancho da rúa-. Na xornada de hoxe os traballos comezaron coa tala dalgúns plátanos próximos ao antigo colexio dos Campos que permitirán a construción da beirarrúa.

Tamén está previsto cambiar a marquesiña da parada de autobús para unha zona moi próxima á actual, recuar o mucho do antigo colexio dos Campos para gañar espazos para as beirarrúas e reordenar o entronque da rúa co edificio da Uned. Na actualidade existe un espazo sen ordenar, polo que se creará unha rotonda que clarifique o sentido das circulacións.

Ademais, o Concello está xestionando con Fenosa a posibilidade de soterrar a liña situada nesta “rotonda” de acceso á Uned. O concelleiro de Obras, Luís Bará indicou esta mañá que existe a posibilidade de atrasar algo a obra, se finalmente Fenosa acomete o soterramento. De feito matizou que a empresa eléctrica xa soterrou parte da liña na rúa Pomba e Santa Margarida, polo que é factible que tamén o faga neste punto agora que se realizan as obras de mellora.

Outro dos puntos fortes do proxecto e que responde á demanda veciñal, é a eliminación das pozas que provocan as augas da chuvia, polo que se fará unha rede de canalización. Para incluír esta petición o Concello realizou unha modificación do proxecto.

Tamén hai outras melloras dos traballos como a creación dunha senda na carballeira da rúa.

A obra rematará cara final de ano coa pavimentación e a instalación de sete pasos de peóns, algúns sobreelevados, medidas de seguranza viaria precisa para unha vía pola que transitan cada día unha media de 10.000 vehículos chegando, nalgún caso, a 120 km/h tal e como recollen os rexistros da Policía Local.

A obra dos Campos está sendo executada pola empresa E.C.Casas cun orzamento de 241.120 euros.

Máis de 500.000 euros en Monte Porreiro

Ademais de visitar os primeiros traballos na rúa dos Campos, o concelleiro de Obras, Luís Bará acompañado polo concelleiro delegado da parroquia de Mourente, Alberto Oubiña e de distintos técnicos municipais, tamén visitou distintas obras de mellora que se realizaron (e están a realizar) no barrio de Monte Porreiro.

Na rúa Portugal, o Concello rehabilitou a superficie a rúa e tamén implantou medidas de seguranza viaria como a instalación de lombos e sinalización horizontal e vertical. O custe destes traballos foron de 55.691,04 euros. Tamén se mellorou o acceso aos Areás -na zona do Aguardenteiro- cunha pavimentación integral desta rúa, creación da rede de recollida de pluviais e instalación de sinalización horizontal e vertical. O custe desta terceira actuación foi de 35.601,79.

Tamén se realizaron traballos de mellora da seguranza viaria na rúa Bélxica por valor de 51.385,40 euros.

Na rúa Alemaña, o Concello substituíu a rede de auga potábel cun investimento de 85,386,05 euros. O traballo incluído dentro do convenio de obras de saneamento e abastecemento de Viaqua, consistiu na retirada da canalización de fibrocemento por unha de ferro entre as rúas Armórica e Bélxica.

Ademais dos traballos nos Campos, o Concello está a realizar traballos de roza de limpeza de noiros e parcelas nas rúas Reino Unido e Bélxica. Son os terreos que recibiu o Concello por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo recentemente e os traballos consisten na roza do terreo que é moi rochoso, así como na poda de árbores non seguras, tala de sebes e arbustos, retirada e tratamento de especies invasoras como mimosas e acacias.

Estes labores teñen un custe duns 20.000 euros e son a extensión dos xa realizados, logo do verán, no noiro da avenida de Bos Aires até a entrada do barrio de Monte Porreiro que tivo un custe de 8.723,37 euros.

Tamén está moi avanzada a obra da senda peonil do Lérez, dende o remate do carril bici até a praia fluvial. Estase a instalar un pavimento máis duradeiro que o anterior. O orzamento é de 53.681,78 euros.      A obra dos Campos está sendo executada pola empresa E.C.Casas cun orzamento de 241.120 euros.

Luís Bará: