Repulsa e consternación polo asasinato dunha veciña de Ponte Sampaio

104

O Concello de Pontevedra condenou esta mañá o asasinato dunha veciña de Ponte Sampaio ocorrido a pasada noite, supostamente a mans do seu compañeiro sentimental. O alcalde instou aos poderes públicos competentes a tomar as decisións pertinentes para acabar con esta lacra, e á poboación a que manteña unha oposición frontal a feitos coma estes.

Dende o Concello quéreselle transmitir o pesar á familia, aos achegados e a toda a parroquia de Ponte Sampaio, que está consternada por este grave suceso, especialmente doloroso ao tratarse dunha persoa moi coñecida e querida.

O Concello tamén condena todo tipo de violencia, pero especialmente a machista, polo que esixe dos poderes públicos competentes a toma de decisións tanto lexislativas como xudiciais encamiñadas a erradicación destes asasinatos, que xa van 5 en Galicia e 38 en todo o Estado no que vai de ano.

O alcalde da cidade lembrou que este tipo de sucesos prodúcense “porque hai unha cultura do machismo e non é tolerable no século XXI”. Tamén adiantou que o Concello estará presente en todos e cada un dos actos que se convoquen en repulsa deste crime.

A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces lembrou esta mañá que o Concello estivo en contacto coa familia en todo momento dándolle o seu apoio ou calquera colaboración que poidan precisar.

Bo día, Gabinete de Comunicación