32 empresas galegas compiten polas obras da rúa Javier Puig

80

Un total de 32 empresas formalizaron no Concello de Pontevedra a súa oferta para acometer o proxecto de rehabilitación integral da rúa Javier Puig. Todas as firmas presentadas son galegas e delas catorce teñen a súa sede na provincia de Pontevedra.

O proxecto de rehabilitación integral da rúa Javier Puig ten un orzamento base de licitación de 437.328,43 euros. Trátase dun procedemento aberto e con tramitación ordinaria.

As obras que se acometerán teñen como obxectivo a mellora da calidade urbana da rúa. O tratamento previsto será de bandas segregadas, cunha distinción física de materiais entre o carril de tráfico rodado que levará aglomerado asfáltico e as beirarrúas que se farán en loseta de cemento, confinadas por bandas de pedra e separadas do carril de tráfico por un bordo de nivel semellante ao das rúas circundantes.

Os tráficos peonís estarán priorizados fronte aos tráficos rodados.

O Concello pon no seu prego de condicións que a obra terá que incluír a renovación de algunhas instalacións e servizos existentes na rúa, xustificadas polo seu mal estado ou antigüidade. Polo tanto a empresa adxudicataria da obra asumirá a renovación da rede soterrada de abastecemento de auga, da rede de esgotos separativa e da canalización de cabos de alumeado público. Neste último caso o deterioro da instalación xúntase ao feito de que a posición das novas luminarias non coincidirá coa das preexistentes que por outra parte están ancoradas nas fachadas.

Porén non se tocarán por estar en perfecto estado a rede soterrada de gas natural, a canalización do subministro de enerxía eléctrica, a canalización telefónica nin a de fibra óptica.