Os orzamentos para o 2016 recollen 10,5 millóns en investimentos

95

O Goberno local ultima o proxecto dos orzamentos municipais do 2016, que superarán os 71 millóns de euros, fronte aos 69,5 do último exercicio. Serán uns orzamentos “expansivos” que adicarán arredor de 10,5 millóns a investimentos, segundo avanzou o concelleiro de Economía e Facenda e portavoz do goberno, Raimundo González.

A meirande parte dos investimentos faranse con aforros (fondos propios) do Concello o que fala da súa boa saúde económica e financeira, subliña o concelleiro González Carballo quen lembra que Pontevedra e o segundo concello con menor débeda por habitante do Estado, despois de Bilbao.

“Os investimentos teñen un efecto multiplicador, é a mellor ferramenta para xerar actividade económica e emprego” mantén o responsábel municipal de Economía e Facenda.

Proxectos vencellados á mobilidade, á accesibilidade, novas infraestruturas deportivas, actuacións ligadas a cuestión medio ambientais, equipamentos socioculturais serán os eixos inversores do Concello. O saneamento do río Gafos, de Mourente, o acceso a Monte Porreiro, o núcleo de centralidade de Salcedo ou dous novos campos de herba sintética son algunhas das actuacións previstas.

O concelleiro de Economía e Facenda adiantou as grandes cifras do proxecto orzamentario: 20,2 millóns para o capítulo de persoal, 32,1 millóns para gastos correntes; 4,8 millóns para transferencias correntes; 10,5 millóns para investimentos e 2,8 millóns para amortización da débeda.

Os orzamentos non están pechados pois como indicou Raimundo González están pendentes das aportacións que podan facer os distintos grupos políticos, cos que reunirase nos próximos días co fin de acadar o máximo consenso posíbel. “Intentaremos que os grupos municipais fagan aportacións previas á redacción definitiva dos orzamentos, independientemente das emendas que podan presentar na súa tramitación”.

O Goberno local quere que os orzamentos cheguen ao Pleno municipal para o seu debate e aprobación inicial nos primeiros días de decembro.