A Noite dos Calacús chega na véspera de Todos os Santos á praza da Verdura

86

A Noite dos Calacús volve a Pontevedra para decorar a cidade coas caras terroríficas que os nenos fagan nos obradoiros que propón a Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, para este sábado, 31 de outubro, a partir das 18.00 horas. A praza da Verdura será o lugar de encontro no que os pequenos –e non tan pequenos- poderán decorar as cabazas que achegará a propia Concellaría para continuar recuperando unha tradición con moito arraigamento na Galiza coa chegada do solsticio de inverno.

Os obradoiros buscan recuperar esta tradición galega que tiña unha grande importancia para a Galiza agraria dado que supoñía a fin da tempada de colleitas e o comezo da “estación escura” co solsticio de inverno. Era costume celebrar esta festa na véspera do Día de todos os Santos.

A Concellaría convida a todos os pontevedreses a achegarse o sábado até a praza da Verdura a partir das 18.00 horas para aprender a baleirar calacús, decoralos e colocarlles un cirio no interior para iluminar esta longa noite. Quen o desexe poderá deixar os seus traballos polas fiestras e portas decorando o centro histórico da cidade, e quen non, poderá levalos para casa.

Magosto o venres na Verdura

Como aperitivo a esta Noite dos Calacús, a Concellaría de Festas colabora con Centro Comercial Urbano Zona Monumental na organización do Magosto que se celebrará na praza da Verdura este venres, 30 de outubro, a partir das 20.00 horas.