A primeira Gala Cantos de Taberna recoñecerá ao bar A Navarra

100

Debido ao gran éxito do programa Cantos de Taberna, este ano os seus promotores dan un salto cualitativo neste programa ao crear a primeira gala de cantos de taberna, que será este xoves, 29 de outubro, ás 21.00 horas na Casa da Luz.

O acto estará guiado por Luís Enrique Correa Piñeiro, membro do grupo de musica tradicional “Os Carunchos”. Está previsto un discurso de benvida da Asociación Cultural Maravallada, organizadora nestes anos de Cantos de Taberna e unha relatorio “Unha ollada cara a dignificación do canto” a cargo do cantautor guardés, Constantino Baz que combina as actuacións co campo da didáctica, como mestre de gaita e pandeireta en diferentes lugares da bisbarra do Baixo Miño. Así mesmo, no eido do Ensino, imparte charlas e da Concertos didácticos polos colexios con instrumentos populares galegos, facéndolle chegar ós nenos unha mensaxe de carácter divulgativo e pedagóxico, do que é a nosa Música Tradicional. Experiencia docente que ten espallado por todo o país, mais tamén polas terras de Andalucía, en Centros de Ensino da provincia de Cádiz e de Málaga.

Nesta gala farase entrega da Cunca Maravallada en recoñecemento a Milagros Guzmán Barros, propietaria da emblemática taberna “La Navarra”, polo apoio que ven desenvolvendo dende os inicios da actividade de recuperación dos cantos de taberna en Pontevedra e polo seu entusiasmo na organización e difusión dos mesmos.

A Cunca Maravallada é unha obra escultórica realizada en cerámica pola artista local Xela Area Pesqueira.

Xela Area realizou estudos de cerámica na Delegación de Cultura da Xunta de Galicia, no departamento de Artes Plásticas, na sección de torno, modelado, escultura, baleirado e esmaltes. Dirixe e coordina os Cursos Internacionais de Cerámica Contemporánea de Pontevedra, antes realizados no Castelo de Soutomaior e que agora se desenrolan no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A gala rematará coa actuación de Constantino Baz e un viño galego.