O Concello aproba o contrato de alugueiro dos terreos para a planta de compostaxe

66

Unha xunta de goberno extraordinaria aprobou hoxe o contrato de alugueiro dos terreos á Comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de Santo Estebo de Canicouva para a construción e explotación dunha planta de compostaxe no Concello de Pontevedra.

O Concello agarda firmar o contrato nesta mesma semana, segundo explicou o portavoz do Goberno local. “Trátase dunha cesión de uso xa que os montes comunais son inalienables” puntualiza o portavoz do Goberno local.

Unha vez firmado o acordo Concello-Comunidade de montes da Canicouva será vixente de inmediato polo que o primeiro pago aos comuneiros será no mes de novembro.

A Comunidade de montes recibirá pola cesión de uso de 10 hectáreas un canon anual fixo de 2.000 euros/hectárea e unha renda anual variable de 0,40 euros/tonelada procesada.

Raimundo González lembra que aínda que os terreos alugados son 10 hectáreas, a planta de compostaxe ocupará arredor de 1,5 hectáreas e ao resto faranse tratamentos de silvicultura.