O Concello investirá 660.000 euros en obras de mellora da mobilidade no rural

84

O Concello de Pontevedra investirá, antes do remate do ano, un total de 660.000 euros en distintas obras de mellora de mobilidade e accesibilidade no rural, seguindo o plan municipal de extensión dos parámetros de calidade urbana por todo o municipio. Todos os proxectos foron priorizados polos consellos parroquias correspondentes.

O portavoz do goberno local, Raimundo González, informa que son cinco os proxectos que se acometerán: dous na parroquia de Santo André de Xeve e unha actuación nas de Salcedo, Tomeza e Lérez.

As obras de mellora na mobilidade e accesibilidade faranse nos lugares de Filgueira e Sobral, en Santo André de Xeve, onde os traballos sairán a licitación por valor de 152.941 e 90.484 cada unha delas; en Lusquiños- Tomeza suporán un investimento de 90.488 euros. A actuación prevista no Cruceiro, na parroquia de Salcedo, sairá a concurso por unha cuantía de 134.639 euros e a prevista no lugar da Piolla, en Lérez ascenderá a 190.001 euros.