Máis de 100 prazas para recuperar o galego como lingua de relación da familia

122

A Concellaría de Normalización Lingüística ofrece ata finais de ano distintas actividades dentro do programa Apego. Unhas están dirixidas a profesionais da educación infantil nas etapas de 0 a 3 e de 3 a 6 anos, e outras ás familias que xa teñen fillos e fillas ata 6 anos ou que están agardando un novo neno.

En Pontevedra sumáronse xa ao Apego máis de 80 familias desde que se presentou o proxecto. Consonte isto, dentro do plan de formación do proxecto Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística ofrece de aquí a finais de ano máis de cen prazas para coñecer recursos que faciliten a comunicación en galego tanto no seo das familias como nos espazos educativos.

As actividades dirixidas aos profesionais da educación infantil nas etapas de 0 a 3 e de 3 a 6 anos son as seguintes:

Xornadas de formación sobre materiais didácticos en galego para profesionais da educación infantil. Os xoves 12 e 19 de novembro de 16 a 20 horas, na Casazul (rúa Sor Lucía) As 8 horas de formación repartiranse en dúas sesións de catro horas.

Estas xornadas son de balde e cómpre inscrición previa. Hai 25 prazas. Poderán participar o persoal educador nas escolas infantís (0 a 3 anos), en educación infantil (3 a 6 anos) e estudantes e/ou profesionais titulados en educación infantil.

Este obradoiro, que xa tivo unha primeira edición no mes de maio, achegará ao persoal formador de educación infantil os recursos pedagóxicos en galego xa que os/as formadores/as son axentes activos/as de normalización fundamentais para o uso do galego nas escolas infantís.

As actividades dirixidas a familias con nenos de 0 a 6 anos ou que están agardando o nacemento. Os obradoiros dirixidos ás familias son de balde, pero é necesario inscribirse. As prazas cóntanse por familia; entendendo que cada praza é un menor acompañado de ata dous adultos ou dous adultos que estean agardando un novo membro da familia.

“A casa encantada de Alí”. Recursos para cantar, contar e xogar; coa colaboración do músico Luís Prego. Estes obradoiros están dirixidos a familias que van ter nenos/as e a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos. Haberá dúas datas para escoller: o xoves 26 de novembro ou o mércores 2 de decembro, ambos os dous de 18.15 a 19.15 horas na Casazul (rúa Sor Lucía). En total poderán asistir 40 familias; 20 en cada obradoiro.

“Arrolos de salitre” para aprender a cantos de berce con músico Xabier Díaz e a colaboración de Guillerme Fernández. Dous obradoiros dirixidos a familias que van ter nenos/as e a familias con nenos e nenas de 0 a 2 anos. Esta actividade desenvolverase os sábados 12 e 19 de decembro no horario de 11 a 12 horas ou de 12.30 a 13.30 horas, tamén na Casa Azul. Hai 50 prazas dispoñibles; 25 en cada obradoiro.

Outras actividades son:

Sementiña. O colectivo Semente en Pontevedra presentará a iniciativa “Sementiña” o luns 9 de novembro, ás 16.30 horas, no Pazo da Cultura. A charla estará aberta a todas as familias interesadas na crianza en galego e en formar parte dun proxecto de socialización lúdico-pedagóxico en galego.

Cántamo en Galego. Unha das entrevistas en directo deste espazo musical estará dedicada ao Apego e á música feita para o público infantil.

Apego busca implicar ás familias para transmitiren o herdo da lingua aos seus fillos, para recuperar o galego como lingua de relación na familia, de descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces. No desenvolvemento deste programa de normalización lingüística están a traballar conxuntamente doce concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

Máis información no web www.apego.gal e no SNL do Concello.

 Apego 2