O Concello axuda con 25.000 euros ao pobo saharaui

210

O pobo saharaui atópase nunha “situación límite” como consecuencia das inundacións do pasado 16 e 17 de outubro que levaron por diante 4.400 vivendas e jaimas dos campamentos de Tinduf, en dun xeito especial en Auserd e Dajla. Sen alimentos, sen auga, sen vivenda fan unha chamada de auxilio ao mundo que obtén resposta no Concello de Pontevedra. O alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Benestar Social informaron que o Concello destinará unha partida de 25.000 a atender as necesidades máis urxentes.

Unha delegación da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) levará toda a axuda que se recolla a Tinduf co fin de apurar a entrega e poder adquirir en Arxelia canto antes os alimentos, auga e mediciñas que eviten no posíbel un agravamento da catástrofe que se está a vivir xa que unha transferencia demoraríase un mínimo de quince días. A día de hoxe, lembran dende a asociación aínda non se materializou ningunha axuda internacional, a única recibida é a da Media Lúa de Arxelia.

Hafdala Mani, portavoz de Sogaps, non dubida en definir a situación dos saharauís dos campamentos de Tinduf como “de vida ou morte”. As casas de adobe e as jaimas nas que vivían quedaron arrasadas e as familias perderon todas as súas pertenzas e tamén as pequenas reservas de alimentos que tiñan. Por elo agradeceu a dilixencia da resposta e a solidariedade do Concello.

A delegación que marcha a Tinduf a levar a axuda económica para os campamentos leva un cámara/periodista que fará unha reportaxe sobre a realidade dos campamentos cando se cumpren 40 anos da Marcha Verde.

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) ten aberta unha conta na que recollen axuda para atender a emerxencia de Tinduf

Abanca ES51-2080-5409-11-3040113236