O Concello intensifica a colaboración coa Fundación Manuel María polo Día das Letras

88

O Concello de Pontevedra manterá unha colaboración especial coa Fundación Manuel María no vindeiro ano con motivo da celebración das Días das Letras Galegas ao poeta lugués. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os concelleiros de Cultura e de Patrimonio Histórico, Anxos Riveiro e Luís Bará mantiveron esta mañá unha reunión co secretario da Fundación Manuel María -que custodia todo o legado do literato- Alberto Ansede, e a súa viúva, Saleta Goi.

Neste encontro que o alcalde cualificou de “familiar” dado o gran trato tanto profesional como persoal que mantivo con Manuel María, e agora coa súa viúva, o Concello comprometeuse a promover a obra do autor lugués tanto nos centros de ensino de Pontevedra como a través doutros encontros estatais como o Salón do Libro infantil e xuvenil. O Concello contribúe todos os anos cunha achega económica á Fundación.

Segundo explicou Alberto Ansede, os dous obxectivos da Fundación para o ano 2016 son: “que se lea a obra de Manuel María, por iso é preciso que se difunda e consolide na sociedade”, por iso solicitan a colaboración das administracións para este traballo que a Fundación quere que se realice a través das bibliotecas públicas e das bibliotecas dos centros de ensino; demais dos traballos que se publiquen nas editoriais galegas.

Outro dos obxectivos é dar a coñecer a Casa Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei. Alberto Ansede explicou as visitas para os escolares son de balde, e a estas alturas xa están completas as visitas para os meses de abril e de maio.

O pasado ano visitaron a Casa Museo máis de 3.000 persoas, das cales pouco máis de 2.000 foron escolares, dos cales o 60% foron das provincias da Coruña e Lugo, e o 40% de Pontevedra e Ourense.

Saleta Goi quixo recordar que o primeiro libro de Manuel María, Muiñeiro de Brétemas, 1950 foi editado en Pontevedra, na Imprenta Torres, dentro da Colección Benito Soto.