Pontevedra subministrará a auga ás empresas do polígono do Campiño

100

Os alcaldes de Pontevedra e Ponte Caldelas, Miguel Fernández Lores e Andrés Diaz, firmaron hoxe un convenio de colaboración entre os dous concellos para a subministración da auga ao polígono industrial da Reigosa.

A Reigosa conforma co anexo polígono industrial do Campiño unha área esencial para o desenvolvemento económico da comarca polo que as dúas administracións locais suman forzas para garantir o seu bo funcionamento.

O convenio recolle que Pontevedra prestará a Ponte Caldelas o servizo de abastecemento de auga potable en alta e o servizo de xestión da rede de sumidoiros en alta para augas residuais que vaian cara a depuradora de Praceres. O destino dos servizos será exclusivamente para as empresas radicadas no polígono industrial da Reigosa.

A facturación dos servizos será bimestral e liquidaranse ao Concello de Ponte Caldelas. “Os prezos serán os mesmos que se lles cobra ás empresas do polígono do Campiño” subliñou Miguel Fernández Lores.

Con este acordo quedan atrás problemas do subministro de auga (pouca presión) como os que case obrigan a suspender a actividade en Adulec hai uns días, polo que o alcalde de Ponte Caldelas agradecía a colaboración atopada no Goberno local.