Un dispositivo especial regulará o tráfico na contorna dos cemiterios de San Amaro e Lérez

80

Policía Local despregará mañá 31 de outubro e o domingo 1 de novembro un dispositivo especial de tráfico nas inmediacións dos camposantos de San Amaro e Lérez en previsión da unha ampla afluencia de persoas aos cemiterios co gallo da festividade de Todos os Santos.

Nos dous casos habilitarase un sentido único de entrada e outro de saída para evitar atrancos e retencións e facilitar o estacionamento a ambos os dous lados da calzada.

CEMITERIO DE SAN AMARO.- O acceso ao cemiterio farase dende a rúa San Amaro cara a rúa Camposanto polo que se impedirá o acceso de vehículos procedentes da rúa Pintor Laxeiro- Camposanto cara ao cemiterio desviando o tráfico a altura da rúa Pintor Ricardo Portela cara a Xoán Carlos I.

CEMITERIO DE LÉREZ.- Permitirase o estacionamento no acceso ao cemiterio e o aparcadoiro polo que se establecerá un sentido único de circulación de tal xeito que o acceso farase polo interior habitual da zoa da Piolla e a saída seguindo esta mesma vía cara o Outeiro onde se accede novamente á carreteira de Campo Lameiro.

Os dispositivos de tráfico súmanse a posta a punto dos cemiterios que nestas xornadas viven unha intensa actividade. Nestes últimos días o Concello e a concesionaria do servizo de limpeza, Cepsa, limparon e desbrozaron os accesos aos camposantos municipais (San Amaro, Lérez, Campañó, Bora e Ponte Sampaio) para a súa posta a punto e implementouse o número de contedores de lixo para atender as necesidades especiais das xornadas de defuntos.

Por outra banda mañá 31 de outubro e o domingo 1 de novembro instalarase o tradicional Mercadillo de Flores de Todos os Santos na praza da Ferrería, que este ano queda pequena para atender as solicitudes de praza presentadas polo que se amplía o recinto ao Paseo Odriozola. En total haberá 172 os postos de venta de flores (144 na praza e 28 no paseo).

Sinalización cemiterios