A Casa da Luz énchese de música da man do selo pontevedrés Certain Music

93

A música electrónica será a protagonista da vindeira semana na Casa da Luz, que acollerá unha mostra de vinilos da discográfica pontevedresa Certain Music, e estará aberta até o vindeiro 8 de novembro. A exposición completarase con deseños da artista lucense Annita Rivera “Plástica”, recoñecida no mundo da música electrónica por traballar con artistas internacionais como Jeff Mills e polos seus deseños para discos de vinilo en selos independentes. Tamén se amosarán taboas skate deseñadas por Plástica, Trinidad Tatoo, You_el, NiN9 Estencil.

Esta exposición forma parte das actividades do 12 aniversario da tenda Playground Store da que José González “Malaguita” -fundador de Certain Music- é propietario.

Certain Music foi fundada este verán por José González, e a pesares da súa curta existencia está recollendo tan boas críticas que mesmo xa ten esgotadas a totalidade das copias da súa primeira referencia musical.

Ademais da mostra, está prevista unha charla-coloquio do propio José González que explicará como naceu Certain Music, ademais dun Dj Set para o vindeiro venres, 6 de novembro, na Casa da Luz.

Estas actividades enmárcanse dentro da iniciativa Pontevedra ten un Puntazo posta en marcha polas concellarías de Promoción da Cidade e Cultura, para promover a visibilidade de empresas creativas e proxectos innovadores que se están a desenvolver na nosa cidade.