Ediserpo executará a reurbanización da zona verde de Pasarón

137

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación á empresa Ediserpo da reurbanización da zona verde de Pasarón, na avenida da Coruña, por valor de 169.228 euros (a licitación era de 241.823,45 euros). Segundo explicou esta mañá o portavoz do Goberno, Raimundo González, a empresa oferta como melloras a reposición do pavimento no cruzamento coa rúa Luís Otero e a pavimentación do camiño da pé que pasa por detrás da grada sur do campo de fútbol.

Cabe lembrar que a parcela ten unha superficie de 3.486 metros cadrados na que se pretende actuar para resolver problemas de estética xeral porque non é o acceso máis acaído para o campo; tamén problemas de accesibilidade; seguranza para crear un espazo onde se sitúen os vehículos de emerxencia necesarios cando se celebra unha competición deportiva no campo; e crear, tamén, un espazo polivalente.

A obra considera tres ámbitos de actuación:

A creación dunha plataforma de cinco metros de ancho, máis próxima á grada para facilitar o acceso das persoas ao campo. Terá unha rampla de acceso cunha pendente dun 8% dende a rúa Luís Otero. Esta é unha zona con diferentes cotas de altura. Irá pechada cun muro de formigón cunha altura variable, de arredor 1,5 metros.
Unha zona central de estacionamento dos vehículos de emerxencia nos días de encontros deportivos. Nos días nos que non haxa competición, o estacionamento será libre. O acceso a esta parte será pola rúa Luís Otero e tamén pola avenida da Coruña, aínda que non polo acceso actual, senón un pouco máis abaixo.
Unha última será unha zona verde de 1.200 metros cadrados que percorre toda a parcela, dende a rúa Luís Otero até a avenida da Coruña. Levará céspede, rego automático, e soterrarase unha liña telefónica que existe na actualidade. Tamén se eliminará o peche de rede actual e encintarase o muro de pedra.