O Concello traslada esta semana aos grupos municipais os orzamentos 2016

88

A Xunta de Goberno Local tivo coñecemento esta mañá do Borrador do proxecto de Orzamentos 2016 presentado polo concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González quen manifestou a súa intención de pasarllo mañá aos grupos políticos municipais.

Segundo a documentación deste borrador o orzamento é de 71.515.000 euros que se reparte en 20,3 millóns en persoal; 32 gasto corrente; 0,4 gastos financeiros; 4,7 transferencias; 0,3 fondo de continxencia; 10,7 investimentos; 162.000 euros de activos financeiros, entre outros.

Raimundo González indicou que este ano o orzamento se incrementa uns 2 millóns de euros -“a pesar de ter as taxas e os impostos conxelados”- debido ás inspeccións tributarias que se van consolidando co paso dos meses.

O capítulo de inversións é de 10.657.000 euros, cun forte compromiso en cuestións medio ambientais, debido á aposta decidida do Concello polo medio ambiente. Neste ámbito aparecen partidas como 2 millóns de euros para sumidoiros; 300.000 euros para zonas verdes; 120.000 euros para sendas; 125.000 euros para auga; 140.000 euros para composteiros. É dicir, máis de 3 millóns de euros para este fin.

Pero as inversións complétanse cunha aposta decidida pola mellora e creación de instalacións deportivas cunha partida de 1,8 millóns de euros para a creación de campos de herba sintética; melloras nos pavillóns ou o inicio dun novo pavillón polideportivo.

Están consignados 1.450.000 euros para mellora da accesibilidade no rural; e 1.220.000 euros para a mellora da accesibilidade no ámbito urbano. Arredor de 600.000 euros para iluminación pública; 300.000 euros para edificios municipais; ou 200.000 euros para a construción do acceso a Monte Porreiro, que se poderá iniciar a finais do ano que vén (previamente haberá que redactar e aprobar o proxecto, facer as expropiacións e iniciar, logo, as obras).

Raimundo González manifestou que mañá pasará este borrador aos grupos políticos municipais “para facer as achegas que consideren oportunas”, se ben adiantou que hai partidas que xa están comprometidas como os dous millóns de euros para o saneamento de Mourente e do Gafos, polo que dificilmente se poderán cambiar. Tamén quixo aclarar que os grupos políticos deberán aclarar, no caso de incrementar ou cambiar partidas, de que partidas se sacan os cartos e onde se meten.