Pontevedra leva o Metrominuto ao Foro Mobilidade e Infancia do Ceneam

168

É un foro de debate, intercambio e avaliación de experiencias e deseño de estratexias vencelladas a mobilidade e autonomía infantil, no que participan representantes de distintas administracións (DGT, universidades, concellos…) e asociacións de ciclistas e peóns e responsábeis de iniciativas como os camiños escolares e chega a súa cuarta edición. Falamos do Seminario “Mobilidade e Infancia” que se desenvolverá do 4 ó 6 de novembro na sede do Ceneam (Centro Nacional de Educación Ambiental) en Segovia.

Por terceiro ano seguido Pontevedra estará na cita. O Intendente principal Daniel Macenlle e o responsábel do departamento de Educación Viaria da Policía Local, Antonio Duarte, participarán nos obradoiros do seminario, artellados arredor da avaliación das distintas iniciativas postas en marcha ou proxectadas en distintas cidades; dos traballos e apostas feitas co fin de promover a autonomía e confianza dos nenos e nenas e da necesidade de derrubar os medos dos pais e sociais a hora de deixar que os rapaces vaian sós a escola ou a xogar.

Ademais rematarase o seminario cunhas conclusións que inclúan o que se agarda sexa a “Declaración de Valsaín”, que marcará as liñas estratéxicas de traballo para o próximo ano.

Os camiños escolares de Pontevedra estarán nos debates xunto cos valores que os definen: autonomía dos nenos e nenas, educación cívica e viaria, participación e confianza.

Á marxe dos obradoiros, no Foro “Mobilidade e Infancia” haberá exposicións e debates e neste ámbito Pontevedra xogará un papel activo. Antón Prieto, membro do Gabinete da Alcaldía e coautor do proxecto, presentará o Metrominuto, un mapa que identifica á cidade das persoas que é Pontevedra.