Pontevedra ten un puntazo terá o seu espazo no Culturgal

95

As concellarías de Cultura e de Promoción da Cidade comezan os preparativos para as actividades no Culturgal do programa “Pontevedra ten un puntazo”. O obxectivo é apoiar o desenvolvemento das empresas culturais e creativas da cidade través de mecánicas creativas ao longo de dous días de traballo colaborativo, para levar a cabo accións, ideas e proxectos comúns.

Pontevedra ten un puntazo é un foro de creación e deseño de proxectos culturais colaborativos; é un ecosistema común e de intercambio onde compartir inquedanzas e facelas realidade co fin de xerar novas posibilidades de facer economía.

O Concello de Pontevedra quere potenciar a co-creación de sinerxías para levar a cabo produtos ou servizos culturais de alta calidade en base dinámicas de aprendizaxe creativa e compartida, para iso ábrense diferentes posibilidades de participación:

  1. Exposición colectiva: farase para cada empresa un soporte expositivo propio coa imaxe corporativa da empresa que estará visible na feira no posto institucional do Concello. Esta exposición despois desprazarase á Casa da Luz a comezos do ano que vén. Do mesmo xeito, as entidades que participen formarán parte do catálogo “Pontevedra ten un puntazo”. Cómpre anotarse antes do 15 de novembro.
  2. Deseño colectivo: trátase de deseñar un proxecto colectivo susceptible de ser presentado no Concello para a súa realización efectiva. Para facilitaramos o proxecto traballaremos con dinámicas creativas guiadas por profesionais desta materia. Prevese un máximo 25 participantes que deberán anotarse antes do 30 de novembro, especificando o nome da empresa, sector de actividade e teléfono de contacto.

            As actividades non son excluíntes entre si. As persoas interesadas deben enviar un correo ao enderezo electrónico pontevedratenunpuntazo@pontevedra.eu

            Lembramos tamén que segue aberto o prazo para anotarse na outra actividade promovida polo Concello na feira, o Puntanzo de encontro (https://www.pontevedra.gal/areas/promocion-economica/puntazo-de-encontro/).