“Bobas & Galegas”, o novo espectáculo de Mofa e Befa, dirixido por Quico Cadaval, mañá no Principal

53

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro Portela, presentaba esta mañá “Bobas e Galegas”, o terceiro dos espectáculos do ciclo Ponteatro, ou cuarto tendo en conta a programación dos Venres Golfos. Este novo espetáculo, protagonizado por Mofa e Befa e dirixido por Quico Cadaval, terá lugar mañá, xoves 5 ás 21h. no Principal.

As entradas están á venda anticipadamente en Ataquilla.com a un prezo de 8€ (4€ para estudantes, parados/as e xubilados/as) e, no caso de non esgotarse, 1h. antes do comezo na billeteira.

Durante a presentación, a concelleira de Cultura, logo de agradecer a súa presencia a Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, expresou a ledicia que supón o éxito e a acollida que está a ter o ciclo en si e tamén os Venres Golfos “Iso de programar teatro ás 12 da noite nunca sabes como vai a resultar, e resultou marab

illosamente ben con máis de 200 localidades vendidas”. Esta boa acollida non se limita só ao público en xeral, xa que as funcións que se concertaron con escolares contan tamén un altísimo índice de participación e tal e como comentou Anxos “mañá ás 11:30 horas o Principal estará cheo con máis de 400 rapaces chegados de Noia, Ponte Caldelas, Poio, Pontevedra e Vilalonga.”

Evaristo Calvo destaca deste espectáculo que “segue a liña do que vimos facendo Mofa e Befa pero supón unha volta ás orixes, xa que estamos Víctor e máis eu sos na esena. A peza, trata de revisar cal é o papel de galegos e galegas no teatro do Século de Ouro español, onde normalmente non se consideraban moi prepaparados. Había situación de escarnio, a consideración do galego/a como xente simple que desenvolvía normalmente o papel de criado/a”. A obra de carácter costumbrista está composta por textos do Século de Ouro, algúns en verso, outros traducidos e outros na súa versión orixinal en lingua castelá coma os de Francisco de Quevedo. Coa representación destas escenas imos desenvolvendo unha teoría totalmente inverosímil e graciosa, unha obra onde prima o traballo do autor e do actor, a palabra cunha certa dose de sátira”.

Pola súa parte, Víctor Mosqueira, salientou a nominación da escenografía do espectáculo ós Premios Max, argumentando que ao ser “un espectáculo moi onírico, está composta por 160 almofadas que absorben moi ben a luz , que é de Baltasar Patiño, ao igual que a escenografía e funciona moi ben, menos para andar sobre elas…”

O espectáculo leva música en directo, renacentista e barroca de Fernando Reyes, con quen levan traballando moitos anos e foi presentada en Almagro no 2014. Ten, segundo comentou Víctor, “moito éxito na súa versión para fóra sobre todo polos tópicos sobre os galegos. Ningúen mellor que nós para falar dos nosos tópicos. Para a xente de aquí ten outra interpretación”.