O Concello calmará o tráfico na praza de Praceres e na contorna dos colexios de Lourizán

116

O concelleiro coordinador do Rural e delegado de Lourizán, Demetrio Gómez presenta en asemblea esta tarde á veciñanza da parroquia as solucións deseñadas polo Concello para o calmado de tráfico na praza dos Praceres e para mellorar a seguridade viaria e accesibilidade nos colexios de Praceres e A Carballeira. Dan resposta as demandas priorizadas polo Consello parroquial.

As actuacións previstas na contorna do CEIP A Carballeira foron consensuadas coa dirección do colexio e a ANPA, e teñen como obxectivo garantir a seguridade dos nenos e nenas do centro. Habilitarase un novo acceso peonil aproveitando un camiño tradicional que descorre ao lado.

Unha redefinición da mobilidade na praza de Praceres e a súa contorna permitirá mellorar a seguridade viaria e accesibilidade á praza, ao colexio e ao lugar do Cabo. Existe un problema importante de seguridade nas inmediacións do colexio para toda a comunidade educativa polos tráficos desordenados, acumulación de vehículos e peóns no mesmo espazo e falla de aparcamentos o que ademais provoca atoamentos no acceso ao Cabo.

Esta intervención suporá un investimento de 46.000 euros e as obras están pendentes dun proceso administrativo sobre a titularidade dunha pequena parcela que implica a xunta de montes e o Concello. “Existe vontade polas dúas partes para arranxar o tema”, indica o concelleiro Demetrio Gómez.

O concelleiro delegado da parroquia de Lourizán sinala as seguintes actuacións para reordenar e calmar os tráficos na praza de Praceres:

  • Separar os tráficos de peóns e de vehículos. Habilitar un acceso exclusivo para peóns dende o campo de fútbol ao colexio.
  • Deixar o acceso ao colexio e ao lugar do Cabo só para vehículos autorizados (residentes e vencellados ao centro educativo).
  • Ganaranse zonas de aparcamento, arredor da confraría e o parque infantil.
  • Sentido único na rúa que vai por dentro da praza
  • Arranxar a beirarrúa e facela máis ancha e reordenar os espazos de aparcamento
  • Realizar traballos de mantemento do espazo público.
  • Mudar o alumeado.

Con todas as actuacións previstas cambiarase o aspecto e os usos da praza dos Praceres.