Comeza a campaña de compostaxe individual e comunitaria nos barrios e parroquias do concello

88

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana unha rolda de contactos nos distintos barrios e parroquias para implantar a compostaxe comunitaria e individual. A concelleira de Servizos, Carme da Silva mantivo onte unha reunión co tecido asociativo e con veciños a título particular da parroquia de Campañó, no Local social de Cabaleiro, para presentarlles esta iniciativa, que até o de agora se realizou con carácter experimental e a pequena escala en distintas parroquias do rural.

A Concellaría quere dar agora un salto adiante cun proxecto máis estruturado, que se ampliará a todas as parroquias e tamén aos barrios, combinando a compostaxe tanto comunitaria como individual.

Na reunión de onte de Campañó coa asociación de veciños, a cultural, os hostelerios e outros participantes acordouse continuar adiante co proxecto polo que mañá, ás 20.30 no Local social de Campañó, en Cabaleiro, o Concello impartirá unha charla sobre compostaxe individual. Ademais, este encontro servirá para que os veciños interesados se preinscriban para determinar candos composterios individuais farán falta.

En Campañó quedou claro que os veciños e comerciantes achegarán a materia orgánica, a Comunidade de montes será a encarga de achegar o estruturante, e o compost poderá ser empregado pola comunidade para os montes, no caso dos composterios comunitarios. No caso dos individuais o aproveitamento será particular.

Este primeiro contacto de Campañó irase ampliando polos distintos barrios e parroquias do Concello nas vindeiras semanas.