O Concello proxecta un parque infantil sobre o túnel do AVE en Médico Ballina

88

A asociación de veciños San Bieito de Lérez mantivo unha xuntanza, onte pola noite, cos veciños de Médico Ballina co fin de explicarlles a convocatoria da concentración do vindeiro domingo 8 de novembro (12.00). A mobilización ten como obxectivo reclamarlle a ADIF a cesión definitiva dos terreos sobre o túnel do AVE para construír alí un parque infantil. Na xuntanza participaron o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará e a concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña

O Concello apoia a demanda veciñal e o amosa incluíndo nos orzamentos do vindeiro ano a partida necesaria para a construción do parque. Só se está a espera da cesión dos terreos, explicaron os concelleiros.

Pilar Comesaña e Luis Barña aproveitaron a xuntanza para expoñer aos veciños as vindeiras actuacións previstas polo Concello na zona:

. A principio de ano presentarase o proxecto do parque aos veciños para que fagan as súas suxestións e pediráselles aos nenos e nenas que fagan as súas propostas xa que serán os principais usuarios.

. Vencellado ao parque infantil procederase a construcción de novos lombos para o calmado do tráfico e modificarase a colocación dos contedores de lixo para a mellor visibilidade dos peóns.

As futuras actuacións foron ben acollidas pola veciñanza que fixo algunhas propostas das que tomaron nota os concelleiros. Por unha banda a Asociación San Bieito pediulles aos concelleiros que de ser posíbel inclúan unha cancha de baloncesto e fútbol no futuro parque infantil co fin de que tamén gocen do novo espazo de recreo os rapaces maiores. E por outra, os veciños solicitaron a colocación de bolardos en varias beirarrúas xa que os camións e coches aproveitan a súa amplitude para dar a volta e aparcar co conseguinte perigo para os pequenos que xogan alí.