O Foro “Mobilidade e infancia” avalía distintos modelos de camiños escolares

93

Educar nenos e nenas autónomos, cívicos, responsábeis, participativos, solidarios e seguros de se mesmos. Son obxectivos que están detrás dos camiños escolares de Pontevedra e que son postos en valor polo Intendente principal Daniel Macenlle e responsábel de Educación Viaria da Policía Local, Antonio Duarte no Seminario “Mobilidade e Infancia” que se está a desenvolver na sede do Centro Nacional de Educación Ambiental (Ceneam), en Segovia

O modelo pontevedrés é unha das experiencias amosadas nos obradoiros de traballo e debates do encontro, onde se expoñen outras modalidades de roteiros con distintos graos de control, estratexias organizativas e mesmo con desprazamentos colectivos e guiados.

“Derrubar os medos das familias a un accidente, a un secuestro a que pensen que son malos pais e nais por deixalos sós…” é un dos escollos máis grandes que hai que vencer, apunta Daniel Macenlle e como afrontalos ocupa un dos obradoiros do seminario.

Neste foro de debate, intercambio e avaliación de experiencias e deseño de estratexias vencelladas a mobilidade e dun xeito especial á infantil participan arredor de 40 representantes de distintas administracións (técnicos, especialistas e cargos políticos) e asociacións de ciclistas e peóns. De feito constatouse nos debates xa realizados –nos que se falou de once experiencias distintas- a necesidade dunha maior implicación das administracións nas iniciativas de fomento da mobilidade e autonomía infantil que estea a altura do grande movemento social de base que aposta pola mobilidade peonil dos nenos e nenas e de fomento da súa autonomía.

A avaliación das experiencias en marcha levou aos asistentes a ver a necesidade de dispor dunha ferramenta, dunha enquisa con ítems básicos e comúns que permita facer unha comparativa e sacar conclusións.