Os magostos encherán de castañas as prazas da cidade nesta fin de semana

99

A cidade de Pontevedra cheirará a castañas asadas durante a fin de semana. Chegan os magostos á cidade da man de distintas asociacións de veciños e tamén do Concello, que colabora na organización de catro magostos que se celebrarán este sábado, 7 de novembro, en distintos barrios da cidade: nas prazas da Curtidoira, Europa, Pedreira e no Centro Leste.

Na praza da Curtidoira están previstas actividades a partir das 18.00 horas. Serán obradoiros para nenos, e ás 18.30 horas, magosto popular coa actuación dos gaiteiros do Gorgullón.

Na praza de Europa, de Monte Porreiro, o magosto comezará ás 17.00 horas, e ás 18.00 horas está prevista unha exhibición de zumba e capoeira.

No centro Leste tamén se celebrará un magosto a partir das 17.00 horas. E ás 18.00 horas haberá unha actuación do grupo folck Pedra do Lagarto.

O magosto da praza da Pedreira comezará ás 20.00 horas con actividades para nenos, e ás 21.00 horas arrancará o magosto popular coa actuación da Asociación Cultural Trepia.