O Concello de Pontevedra mantén esta tarde, ás 20.00 horas un encontro con distintos colectivos veciñais na Casa da Luz para comezar a configurar a Estratexia urbana 2020. Trátase dun proxecto co que o Concello de Pontevedra aspira a conseguir Fondos europeos procedentes do Programa Operativo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) de desenvolvemento Sostible 2014-2020.
Neste programa resérvase 1.500 millóns para entidades locais; 1.000 millóns para cofinanciar estratexias de desenvolvemento urbano integrado e sostible de concellos e agrupacións funcionais de concello que sumen poboacións superiores aos 20.000 habitantes; así como 500 millóns para proxectos de economía baixa en carbono de entes locais con poboacións inferiores a 20.000 habitantes.
O Concello de Pontevedra estaría no primeiro grupo, cuxa convocatoria se promove dende a Dirección xeral de fondos comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións públicas. A xestión compartirase coa Dirección xeral de Coordinación de Competencias coas Comunidades Autónomas e as Entidades Locais, segundo se trate de concellos con poboacións maiores ou menores de 50.000 habitantes.
A convocatoria destes fondos está pendente de saír publicada por parte do Ministerio de Facenda, pero a súa convocatoria será inminente.
O Concello de Pontevedra presentará esta tarde aos veciños a súa intención de optar a estes fondos, así como as liñas xerais destas estratexias que deben estar compostas por accións interrelacións que traten de mellorar a situación económica, medio ambiental, climática, social e demográfica do concello. Para iso é preciso facer unha análise territorial e demográfico no que se indiquen os retos, os puntos fortes, as deficiencias, as oportunidades e unha estratexia de desenvolvemento (accións indicativas, medidas, inversións e operacións).
A visión desta estratexia será a medio/longo prazo, até 2020 ou 2022.
Nesta estratexia débense recoller claramente outras grandes inversións que se produzan na zona urbana afectada así como calquera outro proxecto financiado pola UE.
O prazo de execución dos proxectos será até o 31 de decembro de 2022.
A esta reunión están convocados:
- Federacións de veciños
- Mancomunidade de montes
- Asociación de comerciantes e empresarios
- Asociacións de discapacidade
- Asociacións de veciños de Marcón, Tomeza, Salcedo e Lourizán,
- Asociación de veciños de Monte Porreiro
- Universidade
- Vaipolorío
- Masa Crítica