Revisión das taxas do lixo e do saneamento na busca da “equidade fiscal”

67

A equidade fiscal continuará sendo a liña de traballo da Concellaría de Facenda nos vindeiros anos. Logo de ter revisado o IBI (practicamente concluído) e tamén a ocupación de vía pública polas empresas de servizos, o Concello céntrase agora en continuar coas inspeccións das empresas que tributan no IAE (as que facturan máis de 1 millón de euros ao ano) e que lle supuxeron ao Concello no ano 2015, 500.000 euros na recadación, e sumaránse a revisión das taxas do lixo e de saneamento.

O concelleiro de Facenda, Raimundo González Carballo explicou esta mañá que a revisión da taxa do lixo realizarase porque a raíz da revisión do IBI localizáronse irregularidades no seu cobro polo que se supervisarán usos e as unidades de cobro.

Tamén se supervisará o cobro do saneamento no ámbito do rural. Segundo manifestou Raimundo González Carballo, o Concello está a facer importantes gastos na instalación da rede de saneamento no rural pontevedrés xa que supón un custe entre 7.000 e 10.000 euros por vivenda no rural; ademais de ser unha das primeiras demandas veciñais no Concello.

Ante esta situación, o Concello comezará unha inspección da taxa de saneamento e dará de alta todos aqueles veciños que poidan conectarse a día de hoxe e non o teña feito. O Concello pode cobrar de oficio estes recibos aínda que os veciños non se teñan conectado á rede, tal e como recolle a ordenanza fiscal de saneamento no seu artigo 11.

Segundo Raimundo González “non estamos a falar dunha cantidade substancial, pero o facemos por un principio de equidade fiscal”.