Cultura organiza este xoves a tradicional homenaxe aos represaliados o 12 de novembro

92

A Concellaría de Cultura organiza este xoves, 12 de novembro, a homenaxe aos fusilados do 12 de novembro de 1936, na rúa que hoxe leva o nome daquela data. O acto estará presidido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que dirixirá unhas palabras aos presentes, e logo repartiranse flores para que os asistentes fagan unha ofrenda floral ante a estátua que recorda aos fusilados. Comezará ás 20.00 horas.

Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luís Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, José Adrio, Víctor Casas, Juan Rico e Ramiro Paz deixaron atrás familires, viúvas, fillos, amigos… sinalados socialmente durante anos polo seu vencello cos proscritos, que paradoxalmente, hoxe son sinónimo de liberdade, aloumiño da memoria e testemuñas da dignidade.

A Concellaría de Cultura quere lembrar que o fusilamento destes dez homes bos e xenerosos traduciuse na perda de moitos soños de prosperidade e liberdade, e deixou unha profunda sombra durante máis de 40 anos ao longo da vida política e social do noso país.

“Son un anaco dos centos de homes e mulleres que deixaron a vida na nosa cidade por defender a orde constitucional da República, e as aspiracións de autogoberno que asomaban nas mentes máis preclaras do país”, asegurou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro.

O Concello de Pontevedra quere reafirmar nesta data a esperanza de que episodios coma este non se volvan repetir entre irmáns, pais, fillos. É mostra do triunfo da razón e da liberdade na que poden e deben vivir os pobos.