Melloras de seguranza viaria e accesibilidade para os escolares de Lourizán e Ponte Sampaio

81

A Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos deu conta das obras de mellora da seguranza viaria e accesibilidade nos centros de ensino de Praceres e A Carballeira, ambos en Lourizán, e do CEIP de Ponte Sampaio. En todos estes ámbitos farase unha reordenación do tráfico, o control do estacionamento e a creación de rutas diferenciadas para o acceso de peóns.

As actuacións previstas na contorna do CEIP A Carballeira foron consensuadas coa dirección do colexio e a ANPA, e teñen como obxectivo garantir a seguridade dos nenos e nenas do centro. Habilitarase un novo acceso peonil aproveitando un camiño tradicional que descorre ao lado.

Unha redefinición da mobilidade na praza de Praceres e a súa contorna permitirá mellorar a seguridade viaria e accesibilidade á praza, ao colexio e ao lugar do Cabo. Existe un problema importante de seguridade nas inmediacións do colexio para toda a comunidade educativa polos tráficos desordenados, acumulación de vehículos e peóns no mesmo espazo e falla de aparcamentos o que ademais provoca atoamentos no acceso ao Cabo.

Esta intervención suporá un investimento de 46.000 euros. E está previsto separar os tráficos de peóns e de vehículos. Habilitar un acceso exclusivo para peóns dende o campo de fútbol ao colexio; deixar o acceso ao colexio e ao lugar do Cabo só para vehículos autorizados (residentes e vencellados ao centro educativo); ganaranse zonas de aparcamento, arredor da confraría e o parque infantil; sentido único na rúa que vai por dentro da praza; arranxar a beirarrúa e facela máis ancha e reordenar os espazos de aparcamento; realizar traballos de mantemento do espazo público; mudar o alumeado.

Melloras nos acceso ao CEIP de Ponte Sampaio

No colexio de Ponte Sampaio tamén está previsto realizar unha importante actuación de mellora da seguranza viaria e accesibilidade para garantir a seguridade de todos os escolares da parroquia. Para iso pavimentarase todo o vial de acceso ao colexio dende a ponte medieval, e segregaranse os tráficos peonís dos vehículos. Toda a zona terá velocidade máxima 20km/h.

Crearase unha senda que partirá da ponte medieval até a entrada do colexio. Farase á mesma altura da calzada, en formigón impreso de distinta cor, e coa simboloxía dos peóns. En todo o viario instalaranse catro pasos de peóns elevados.

Na entrada do centro colocarase un pavimento de cor vermella, e a prohibición de acceder en coche á entrada do centro. Ademais, gáñase un sobre ancho ao carón do campo de fútbol que se adecentará con terra vexetal e céspede.

Ao tempo que se mellora o acceso ao colexio, tamén está previsto o pintado da bolsa de estacionamento situada ao carón do campo de fútbol, coa creación de varias prazas de aparcamento e carrís de circulación para ordenar todo este espazo. Quedará delimitado un gran paso de peóns.

O concelleiro delegado da parroquia de Ponte Sampaio, Raimundo González vén mantendo reunións cos axentes da parroquia, e onte mesmo coa Anpa para consensuar este proxecto que tratará de mellorar a seguridade neste ámbito da parroquia.

Na Comisión de Mobilidade tamén se informou de que está en estudo a implantación de medidas similares no CEIP San Bieito de Lérez.