O Concello aposta pola empregabilidade con 900 prazas de formación á carta

418

“Prestar servizos concretos, útiles e reais”. Con esta filosofía ponse en marcha un amplo abano de iniciativas co obxectivo de reactivar os servizos de promoción económica e orientación laboral do Concello e axudar a mellorar a empregabilidade.

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica e da Cidade, subliña que a formación, asesoramento e información serán eixos fundamentais do P-ON, a nova marca baixo a que estarán todas as iniciativas nas que a proactividade e innovación guiarán os seus pasos. Atrás quedan os tradicionais plans de emprego de escasa eficacia e continuidade que son substituídos por accións dirixidas tanto a persoas como a pequenas empresas co fin de obter un mellor posicionamento laboral e empresarial.

Arredor de 900 persoas poderán beneficiarse das accións municipais de fomento da empregabilidade no 2016. Cóntase para elo cun orzamento de 110.000 euros.

Toda a proposta formativa do concello recóllese baixo a denominación ILE ́s e artéllase en catro plans dirixidos a públicos diferentes e con necesidades diferentes. Son os seguintes:

PLAN ARELA. É un programa activo de mellora da empregabilidade dirixido a 75 persoas en situación de busca activa de emprego tanto por conta allea como por conta propia (auto emprego). Recibirán formación a demanda en base ás necesidades dos/das participantes (plan de acción específico que reforce as competencias) que terán acompañamento individual.

PLAN VEREA. Un programa de 3/4 meses que persegue axudar a 20 empresas ou proxectos de Pontevedra a promover a innovación nos seus modelos de negocio. O obxectivo é que as empresas da nosa cidade coñezan e desenvolvan as súas capacidades de innovación e evolución empresarial, e xuntos podamos mellorar a súa competitividade. Terán titorización individual.

PLAN ON. Programa de formación semipresencial que procura a mellora da inserción laboral a través de formación práctica en habilidades laborais que melloren os currículos individuais do que se beneficiarán 600 persoas. A través da formación semi presencial o concello disporá dunha plataforma de formación telemática en galego onde se impartirán cursos de Inglés, Informática de usuario, prevención de riscos laborais, manipulador/a de alimentos, carretillero e fiscalidade básica.

PLAN REPENSA. Trátase dun programa baseado na facilitación de trámites para aquelas persoas que se queiran facer cargo de negocios que pechen. Desde o Concello porase en marcha un censo de este tipo de negocios e persoas interesadas en facerse cargo.